O avó di que os ollos
son dúas ventás para asomarse ao mundo.
Eu asómome e sinalo cada cousa que vexo.
Sempre hai alguén que me di o que é.
O avó invita o noso protagonista ao xogo de abrir os ollos para tomar consciencia do mundo do que forma parte. O pequeno non ten máis que sinalar co dedo para comezar a súa aprendizaxe.
A través do sentido da vista iniciará unha viaxe coa que tomará contacto coas cores e as formas (o Sol é redondo, amarelo e brillante; a formiga é un bichiño negro e alongado). Polo tanto, o papel clarificador das ilustracións é esencial. E Simona Mulazzani non defrauda.
A mirada do protagonista amplíase e complétase coa daqueles (pais, avós, o tío Lalo) que sempre o acompañan na aventura diaria de descubrir o mundo que o rodea: Pola mañá, ábrense as ventás. Eu asómome, sinalo co dedo... e o xogo volve empezar!
Idioma: Galego